Leocadio é un león que non gusta de facer o que fan os demais leóns. Asústase cando as súas irmás xogan a cravarse as uñas unhas ás outras. Non lle gusta cazar cebras ou antílopes senón xogar con eles.

Leocadio non é un león coma os demais, e a súa vida tampouco.

Leocadio, o león – Ilustracións: Teresa Novoa – Edicións Xerais de Galicia

Leocadio é un conto moi cinematográfico. O ambiente que se vive en determinados momentos do conto evocan aquelas películas de aventuras en branco e negro e cun veo sobre a cámara. Esa evocación leuna moi ben teresa Novoa no momento de facer as ilustracións. E, como non, o propio personaxe é unha viaxe á lembranza das películas que encheron tantas tardes da miña infancia. Desde Chaplin a Tarzan, os seis lanceiros bengalíes ou as persecucións en lanchas daquelas películas de principios dos anos trinta coas imaxes a reproducirse a unha velocidade que non era aínda a convencional.

Unha prosa áxil, asequible e do gusto dos lectores máis novos mais sobre todo interesante, capaz de captar e manter a súa atención, gañar a súa complicidade e conseguir o seu sorriso, que non esquece a axuda que presta a literatura á formación vital dos meniños e meniñas que len e a súa importancia á hora de crear mentes lúcidas e conciencias críticas.

Todo un xeito de aprendizaxe en forma de lectura deliciosa. Paula Fernández, Faro de Vigo