O pase de diapositivas require JavaScript.

O pasado xoves volvín visitar o CEIP A Rúa para encontrarme cos rapaces de 3º, 4º e 5º de primaria. Dentro do seu proxecto de dinamización lingüística decidiron estudar os autores de libros infantís do Morrazo, e nesta ocasión tocoume compartir con eles unha hora na que puideron coñecer cal foi o proceso de creación dalgúns dos meus libros.

Posteriormente tivo lugar coloquio onde realizaron preguntas moi intelixentes. Quédome especialmente cunha delas. Un alumno preguntaba se eu lle indicaba aos ilustradores como debían ilustrar os meus libros. Este tema xa ocupou parte da intervención que tiven en Porto nos Encontros Galego-portugueses-franceses de literatura infantil. Naquela ocasión compartindo mesa con Manuela Bacelar e con Ramón Trigo, ilustraba a postura de moitos escritores cunha imaxe do Gran dictador de Chaplin. Pensando despois a miña resposta, creo que sería bo que os pequenos lectores, e tamén os que non o son tanto, entendesen que un libro ten dous procesos creativos que desembocan nun único produto. Por iso considerei importante enviar esta mensaxe a eses alumnos que pensaron sobre iso.

Benqueridos amigos:

Hai uns días un de vós preguntoume se eu lle dicía aos ilustradores como debían ser os seus debuxos para os meus libros. Esa pregunta tamén a fan moitos escritores e non sempre atopan a resposta axeitada. Ese é un dos temas sobre os que más teño pensado desde que estou no mundo da literatura infantil, unhas veces como escritor, outras como tradutor e outras como director de coleccións de libros. E aquí deixo a conclusión á que cheguei:

Cando escribo para nenos, asumo que, ata o de agora, a idea sobre o que vou escribir nace en min. Pero acepto que cando comezo a escribir sei que os meus libros van ter unha ilustración. Por tanto debo aceptar que a min correspóndeme un 50% do traballo, mais outro 50% non é meu.

Tamén asumo que o libro é un producto, un, que non pode conter dúas historias diferentes, pero que é resultado de dous traballos que deben compaxinarse. Sería como nunha regata de bateis, hai remeiros e hai un timonel, soamente o traballo conxunto do esforzo dos dous permite chegar á meta.

Para que o ilustrador faga un bo traballo debe estar motivado. Iso quere dicir que, primeiro, debe gustarlle o texto; en segundo lugar debe facer a súa propia lectura e interpretala, ilustrala tal e como el a entende, con total liberdade para expresar todo o que el atopou nos personaxes, na trama e asociala coa súa propia experiencia vital. Se para os escritores, as historias nacen dos seus recordos infantís (lembrades que vos contei que cando en escribo “Iria e lúa” sobre o nacemento da lúa tras os montes, imaxino a Costa do Cuco, porque é a lúa que eu vía desde o balcón da miña casa nas noites de verán), o mesmo sucede cos ilustradores. Os seus debuxos tamén se alimentan de todo canto gardan na memoria.

Cando vós ledes un libro, non sempre entendedes as mesmas cousas que o voso compañeiro de mesa. Estou convencido que cando tento transmitir algo, non todo o mundo vai entender o mesmo que eu entendo porque vós non vistes a mesma lúa que eu vin, nin desde o mesmo lugar, nin vos vai traer as mesmas lembranzas que a min. Vós tendes as vosas e cando ledes, vades a pensar en todo o que vós vivistes. Por iso os escritores dicmos que cando un libro está acabado xa non é noso, é dos lectores, porque cada lector debe interpretalo da súa maneira. Cando dicimos a palabra cristal, a cada un suxírelle unha cousa diferente. a uns pode espertarlle a lembranza dun día en que se cortaron co resto dun cristal xogando na praia. A outros, a lembranza dunha trasnada cando tiraron unha pedra e romperon o cristal da ventá. O mesmo sucede coas historias e por iso non me creo no dereito de obrigar a un ilustrador a que entenda nos meus textos o que eu entendo.

Advertisement

About xosemgonzalez

Nacín en Cangas a finais de 1960, puxéronme Xosé Manuel aínda que os meus libros van asinados como OLI, pero o meu nome completo é Xosé Manuel González. Tradutor, editor, director de coleccións infantís, amante do cine, do fútbol e da música, pero sobre todo da lectura.

Os comentarios están pechados.