Arturo na FNAC de Castellana

Mañá, Artur estará en Madrid na súa versión castelá, na voz  de Olalla González e do seu pai gráfico, Marc Taeger. Será na nova tenda de Castellana, ás 12,30.

Así pois será un sábado de moito traballo para este pito acabado de nacer.

A primeira crítica de Artur

O Faro da cultura do pasado xoves ocupouse de Artur. Aquí algunhas cousas que dixeron sobre el.

Doce sinxeleza
PAULA FERNÁNDEZ

Artur é un conto,destinado para prelectores e primeiros lectores, que o escritor Oli e mais o ilustrador Mark Taeger veñen de publicar con Faktoría K e que amosa de maneira plástica, e tamén moi expresiva lingüísticamente, o nacemento dun pitiño. Apréciase,entón,neste traballo, e grazas á escrita e mais ao traballo do ilustrador,a falta de espazo provocada pola fin da xestación, a incomodidade e mais os movementos violentos que isto provoca, a ruptura do ovo, a saída ao exterior motivada por unha forza innata e as primeiras sensacións do pitiño ao descubrir o mundo. Como era de agardar, o desacougo e o medo an te o descoñecido do minan o neonato ata que este finalmente atopa a protección que procuraba. Inquedanza e temores representados pola cor negra que destaca ante a variedade cromática máis luminosa que simboliza unha nova vida É un relato que, malia estar protagonizado por un animaliño fráxil e indefenso, resulta moi doado identificar co nacemento dun neno, cun parto e co vínculo afectivo que este establece despois coa súa nai. O texto de Oli describe de xeito breve aínda que intenso, evocando inevitablemente imaxes nas mentes de nenos e adultos, todos estes sentimentos e o instinto de supervivencia que agroma cando o ser sente que é o momento de saír do acubillo en que foi tomando forma. O feito de estar publicado en cartón faino máis manexable para os prelectores, aínda inexpertos no acto de pasar páxinas, e a sinxeleza do texto adornado con fermosas ilustración faino moi atractivo para os primeiros lectores e lectoras.

Contacontos no Pozo de los tres deseos

Como veredes, a entrada anterior deste blog non se axusta á realidade porque o vindeiro sábado ás 12 horas estarei en El pozo de los tres deseos para celebrar o aniversario da librería. Acompañaranme Artur, Pata de Lata e as Once damas viaxeiras e atrevidas… Quizais apareza por alí Antón e Iria poida que chegue coa lúa ou Leocadio seguido dun grupo de pequenos antílopes e cebras. sopraremos as velas? Cantaremos o parabéns para ti nesta data querida, moitas felicidades, moitos anos de vida.

O venres seguinte, si que estarei en Libros para soñar Vigo.

Espérovos o sábado, 22 de outubro, ás 12 horas na Rúa do Sol en Cangas.

Próximo acto, Vigo


A seguinte presentación de Artur terá lugar en Vigo, na Librería Libros para soñar o día 28 de outubro. Alí estará a exposición dos traballos que Marc Taeger fixo para este libro.

Artur en Bule-bule

O pasado sábado, a librería Bule-bule de Marín, acolleu con todo o afecto do mundo a Artur. Alí estaban os pequenos lectores que coñecían ao pito, e outros que era a primeira vez que o vían. Iria, Jorge, Telmo, Iago, Lía, Ignacio, Marta…  e mesmo algún Bichiño metido na barriga da súa mamá, escoitaron a primeira aventura na vida de Artur. Alí estabamos os autores para falarlles da vida deste pito pequeno e dubitativo. Entre ovos e pitos, adicámoslles a todos estes amigos os nosos libros.

Artur vai a Marín

Artur non foi a Marín, non pasou o mar e non tomou laranxas de ningún laranxal… Así que o próximo sábado faktoría K de libros vaino levar á Librería Bulebule para que  poida dicir iso de que xa foi a Marín…  Todos os que aíndanon saiban do seu nacemento, poderá coñecelo. Lembrade Bulebule, ás 12 da mañá.

Zig zag

Hoxe estivemos Marc Taeger e máis eu realizando unha gravación para o programa da G2 Zig zag. Esperamos que na segunda quincena de setembro sexa emitida a intervención. Aínda que estivemos falando distendidamente, a peza que se emita será notablemente máis curta. En canto saibamos o día de emisión publicaremos unha entrada. Xa sabedes non o perdades, na segunda canle da TvG.

Artur en youtube

Para coñecer mellor a Artur. Especialmente para os que aínda non tendes o libro, abride o apetito.

No Faro de Vigo

Faro de Vigo recollía onte a nova da presentación de Artur. A reportaxe asinada por Elena Mondelo podedes lela neste enlace.

Algunhas das inexactitudes laborais e biográficas que ten a noticia non son culpa da redactora porque están erroneamente recollidas en varias webs.

En Cangas xa coñecen a Artur

Onte fixemos a presentación de Artur en Cangas. Co apoio de moitos amigos e lectores, descubrimos algunhas interioridades de Artur. Lástima que Marc Taeger non puidese estar, pero enviámoslle un saúdo e dicirlle que falamos moito del.
A pesar dos nervios de facer a presentación inicial, as cousas se desenvolveron nun ambiente cálido e durante a lectura do libro contamos coa gran axuda de Nicolás Martínez no vibráfono. Grazas de corazón, Nico. Nico foi, ademais, coprotagonista da experiencia que orixinou o nacemento de Artur.

Grazas aos amigos e lectores cangueses porque sempre conto co voso apoio cada vez que presento un novo libro. Grazas tamén aos visitantes que se achegaron para coñecernos porque é un pracer ver como se rompe algúns tópicos. Grazas enormes aos libreiros que puxeron a Artur nos seus trinques porque sen eles os libros son moito menos.

 

Grazas a Xosé Bangueses porque estas fotos saqueinas do seu Facebook sen o seu consentimento.